As claves da mobilidade sostible

Venres, 15 Xullo, 2022

Actualmente os hábitos de mobilidade urbana céntranse principalmente no uso dos autobuses e dos coches particulares. As iniciativas de mobilidade sostible nacen para intentar reducir o impacto medioambiental asociado ao uso de vehículos contaminantes. Neste post, falamos sobre cales son as claves dunha mobilidade sostible e como fomentar os traxectos a pé ou o uso de transporte sostible, como bicicletas ou patinetes eléctricos.

Que é a mobilidade sostible?

A mobilidade sostible é un concepto que nace para intentar erradicar os problemas medioambientais e sociais da mobilidade urbana. Busca alternativas de desprazamento non contaminantes, que teñan o menor impacto sobre o planeta e sexan máis eficientes. Non é un plan orientado exclusivamente a reducir as emisións de CO2, senón que tamén se pretende mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Tipos de mobilidade sostible

Como comentabamos, a mobilidade sostible busca algo máis aló de reducir a contaminación, busca crear alternativas ao transporte convencional e aos combustibles fósiles, co fin de mellorar as condicións urbanas para facilitar o uso destas alternativas. Os tipos de mobilidade sostible van atados ás diferentes formas de transportarse da menos á máis contaminante:

  • Mobilidade urbana. Dentro de calquera cidade, os traxectos curtos poden realizarse andando e é a opción máis sostible de todas.
  • Mobilidade sostible en bicicleta. De todos os vehículos que podemos elixir é, sen dúbida, o menos contaminante. Moitas cidades de Europa xa teñen o seu núcleo urbano totalmente adaptado a bicicletas, para fomentar o seu uso e evitar que a xente se vexa obrigada a empregar o coche.
  • O uso do patinete eléctrico cada vez está máis estendido e ten moi boa aceptación entre os máis novos. 
  • Transporte público. É unha das alternativas ao coche no tocante a viaxes longas. Sempre que se poida utilizar o transporte público é mellor que viaxar en solitario nun vehículo particular. 

Beneficios da mobilidade sostible

O punto clave de calquera plan de mobilidade urbana sostible é reducir o uso excesivo de vehículos, fundamentalmente os coches. E esta redución da contaminación ten consecuencias positivas directas sobre a saúde pública. O fomento de transportes sostibles ten multitude de beneficios: 

Redución de custos

As alternativas de mobilidade sostible ós coches como a bicicleta ou camiñar supoñen un aforro económico considerable en combustible. Como puidemos observar nos últimos meses, o prezo da gasolina encareceuse e a isto debemos sumarlle gastos de aparcamento e mantemento. Polo tanto, estas alternativas de transporte son perfectas para aquelas persoas que poidan facer os seus traxectos habituais sen necesidade de coller o coche e así aforrar un pouco.

Menos contaminación ambiental

É o motivo principal polo que a xente muda os seus hábitos e decide empregar medios de transporte sostibles. Os coches son o principal contaminante pola súa gran afluencia e as emisións ascenden a máis do 60% do total. Estas cifras poden reducirse considerablemente ao implantar medidas de mobilidade sostible nas cidades.

Mellora o estado físico

Elixir a bicicleta como alternativa ao coche é un dos puntos clave de calquera iniciativa de mobilidade sostible. A elección de desprazarse neste vehículo ecolóxico, ou facelo a pé, mellora notablemente as condicións de saúde, xa que se mellora o estado físico e erradícase  o sedentarismo.

Cidades máis verdes

A crecente tendencia do uso de bicicletas e outras alternativas sostibles, obrigaron ás cidades a crear opcións de tránsito. Con isto peonilizáronse moitas zonas urbanas que deixan máis espazo para parques e xardíns. 

Diminución do ruído

Ademais das emisións de CO2, outro dos grandes contaminantes das cidades é o ruído. A contaminación acústica é un problema que afecta a miles de persoas e a redución do uso de vehículos é unha solución perfecta para poñerlle fin. Ao reducir o tránsito os sons dos coches, autobuses e demais vehículos aminoran así coma os asubíos e as freadas. 

Comunidade

Unha das grandes vantaxes de facer os teus traxectos en bicicleta é que podes descubrir a túa cidade e ademais podes facelo en compañía. É un medio de transporte inclusivo e únenos ao resto de ciclistas. O uso da bicicleta rompe un pouco con ese individualismo que implica viaxar en coche só. 

Mobilidade sostible: como afrontar o día a día

Cando se leva a cabo un proxecto ou un plan de mobilidade sostible sempre xorde a mesma dúbida: como se pode incentivar a que a xente reduza o uso do coche? 

A través da nosa App Smartway e cun divertido xogo, os cidadáns de Santiago de Compostela poderán conseguir recompensas por utilizar transportes sostibles, como a bicicleta ou facer os seus traxectos a pé. Cada vez que se faga unha ruta recibiranse máis puntos canto menos contaminante sexa o medio de transporte. Os puntos pódense intercambiar en comercios locais, cines, descontos… A mobilidade sostible é cousa de todos e por iso debemos animar á xente a implicarse neste tipo de proxectos.

En Smartiago cremos que nunca é tarde para cambiar os nosos hábitos para mellorar o entorno. Por iso motivámoste a facer que a mobilidade sostible sexa parte do teu día a día na capital galega.

COFINANCIACIÓN FEDER

O proxecto Smartiago desenrólase en virtude a un convenio de colaboración da Línea FID (Fomento da Innovación dende a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.